Brownie de plátano, noces e sen fariña de trigo

Ás veces ter cousas a punto de se estragar no frigorífico ou na alacena obriga a buscarlle xeito para non tiralas. Ás veces é peor o remedio, porque se é un experimento, e non sae ben, acabas tirando con todo, pero outras veces experimentas e sae algo que anotas porque mesmo merece repetirse! E este foi un deses experimentos: había un plátano moi maduro, tiña unha taza de leite kefirada que había que gastar... e quería experimentar de novo coa fariña de coco para ver se lograba algo que fose un bo almorzo sen fariña de trigo, cunha textura agradable. Os experimentos previos coa fariña de coco (unhas madalenas e unhas galletas) non foran moi bos, está ben no gusto, pero a textura non convence.


Para este brownie, de ingredientes usamos:
1 plátano ben maduro e grande (ou 2 pequenos)
1 taza de leite kefirada (kefir)
90 gramos de mateiga branda (semifundida ou pomada moi branda)
1/2 taza de cacao puro en pó
1/2 taza de sementes de liño moídas (axuda coa textura esponxosa)
1 taza de fariña de coco
1/2 taza de azucre branco (a próxima proba será substituíndo este por mel)
2 ovos medianos
1 culleradiña de sal
1 culleradiña de bicarbonato
unhas noces e améndoas picadas

Non usei báscula, de aí que poña as medidas "a la americana", por tazas. Neste caso, a taza é unha taciña dun xogo de café.

Nun vaso picador (procesador de alimentos ou coa minipimer) poñemos o plátano en anacos e triturámolo ata puré fino. Botámoslle o azucre (eu usei o tipo glass, porque se disolve antes), e dámoslle outra volta para que se incorpore ben. Despois vai o kefir e máis os ovos e batemos un minuto ou dous para que se mesture e homoxenice todo ben, e por último a manteiga e dámoslle outra volta. Así queda lista a parte húmida.
Vertémola nun recipiente de maior capacidade que nos permita remexer a man, e comezamos a botar a parte seca. Eu comecei por botar tamizado o cacao e as sementes de liño moidas (cun molinillo de café), e incorporei ben isto cunha espátula ou culler de pau. Despois incorporei a fariña de coco, tamén tamizada, xunto co sal e o bicarbonato. 
Por último, e opcional, engadinlle unhas noces e unhas améndoas picadas, para darlle o contraste crocante. A mezcla queda consistente, non líquida, e vértese nun molde ou bandexa cuberta con papel de forno. Cócese no forno, xa quente a 180ºC, durante uns 35-40 minutos, ou ata "que cando pinches saia limpo", xa sabedes.  Resultado:
Non ten mala pinta, ou??
Quedou  lixeiramente húmido, suculento. A textura non é de biscoito, e máis coma unha mousse consistente e saborosa. 
Definitivamente, este vaise facer máis a miúdo, e iso sí, como dicía máis arriba, o que vou probar é quitar o azúcre: farei unha versión sen ningún edulcorante (sen máis azucre que o que aporte o plátano e a fariña de coco) e outra con mel. Xa porei a actualización do resultado por aquí.

Ides probar??

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Tarta de chocolate branco, mango e kiwi - Frabisa

Charlota de amorodos - LarpeirosTVG

Novo invernadoiro e enxerto de fatóns